di miña avoa que o día de reises é de laranxa mandarina
que os reises viñan de cabalo ata a porta do rueriño
e que era unha alegría grande
porque as laranxas dos reises eran pequenas e doces
como son as cousas que nos han de acompañar xa sempre
as apertas longas e a música para os amigos
verche sorrir a unha muller fermosa
e saber que levas bicos nos petos
os favores e os consellos e ti e david e os palitos
e ves e érguesnos porque sabes que caemos algunha noite
e todo iso que é tan facil porque ti sempre apareces
e di miña avoa
que nunca botaron os reises xoguetes no rueiriño
que lle botaron unha vez uns zapatos vermellos
pero que ela non se acorda
e que o mellor das mandarinas
era partilas cos outros nenos pola mañán
que os reises non sabían de moitas casas en mallou
e que iso era o mellor
que son pequenas e humildes as mandarinas
que non pretenden ser laranxas.
(María Lado - "De laranxa mandarina" poema sen libro para abraham e a amizade)